![]() |
"Curuxás foi, que eu saiba, o único fuxido -despois guerrilleiro e logo de novo fuxido- que non se exiliou, nin se entregou, nin o prenderon nin o mataron". -En trinta e un anos, desde o 1936 ata o 1967, que faleceu por enfermidade-. "¿Por que debemos lembralo? Porque os guerrilleiros, aínda hoxe que se está iniciando a recuperación da historia do movemento guerrilleiro, están moi pouco considerados, malia que foron moito tempo o único facho de liberdade fronte ao fascismo do réxime de Franco".
O investigador melidense Carlos Parrado, autor de Curuxás. O
guerrilleiro que non cazou Franco, amósase así de contundente ao
reivindicar a memoria de Ramón Rodríguez Varela, Curuxás, o
guerrilleiro que se converteu, na terra de Melide e A Ulla, -coñecido en
Lousame e Noia como Varela- en lenda e símbolo da resistencia contra o
franquismo.
Carlos Parrado tiña 19 anos cando Curuxás morreu. "A noticia correu na Terra de Melide e a Ulloa. Tres amigos e eu alugamos un taxi e fomos ver o cadáver: era impresionante", lembra.
Anos despois, a finais dos 70, o nome de Curuxás volveu soar nunha conversa de taberna, e Parrado e o seu amigo Xosé Luís Vázquez Raído decidiron escribir a súa biografía. "Comezamos a preguntar, e ao primeiro era difícil coller o fío porque o que quedara era a lenda, o mito", comenta.
Pero pouco a pouco foron dando coas testemuñas axeitadas. "¿Lembras aquela ventá?...", preguntoulle a Parrado Primitivo Fernández Valle cando este foi pedirlle información sobre Curuxás. "Pois detrás daquela ventá pasou Curuxás horas e horas mirando: coñecíate a ti, a teu pai, a teus irmáns...". Primitivo foi unha das persoas que lle deron acubillo na súa casa ao guerrilleiro. "Medo...? Tiñamos o corazón nun puño. Pero..., íao deixar andar coma un lobo?", contestou Primitivo á pregunta de Parrado sobre o risco que supoñía agochar no propio fogar un escapado.
Parrado recolleu o testemuño oral de, entre moitos outros, Primitivo, o enlace da guerrilla e amigo de Curuxás Arturo Vázquez, o cuñado do guerrilleiro Luís Torres, compañeiros de Curuxás na guerrilla como Plácido Rivera ou Jesús Gómez; carteouse con Manuel Fernández Valle, Portafondón, outro fuxido, e co fillo de Curuxás Francisco Rodríguez; consultou a bibliografía publicada sobre a guerrilla, deixándose guiar polos consellos de Harmunt Heine, autoridade na materia; revisou canta documentación atopou en arquivos, en prensa...
O resultado é Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco, un libro por veces emocionante, -sobre todo nas partes nas que relata as múltiples ocasións nas que Curuxás logrou escapar da Garda Civil-, e que en todo momento lle permite ao lector coñecer ao detalle a biografía de Curuxás, ademais de introducirse na historia da guerrilla na zona e en toda Galiza. A Nosa Terra acaba de editar esta obra, que xa se presentou en Melide.
A lenda de Curuxás non se esqueceu na súa terra. "Era moi valente e tranquilo. E desconfiado: cando a guerrilla xa estaba desfeita, - a CNT ordenou desfacer a guerrilla no 1947. Os demais exiliáronse ou morreran e el quedou illado-, tentaron axudalo para que se exiliase en América, pero, -como me dixo o seu fillo-, se puidese coller o barco en Palas se cadra tería marchado, pero como tiña que chegar a Vigo... Contou con moita información e colaboración da xente. Ata o acolleu na súa casa Juan Mera, un franquista...", salientou Parrado.
Curuxás estivo, primeiro, fuxido, só para sobrevivir á represión, tras o golpe do 1936. Despois integrouse, -como independente, pois era membro da CNT-, na Federación de Guerrillas Galicia-León. "Estivo na III Agrupación da guerrilla de Unión Nacional, dirixida por Marrofer, do PC. Toda a estrutura da guerrilla na zona de Palas de Rei, Melide e Toques, era de Curuxás; enlaces, puntos de apoio...", subliñou o autor.
VIDA
O acoso que sufriu a familia A traxectoria como loitador A solidariedade dos veciños e o seu carácter valente e tranquilo
Curuxás naceu en Vilouriz (Toques) en 1905. Fillo de labregos, marchou cos seus pais vivir a Pambre, en Palas de Rei, polo 1916. Era un home moi grande, e famoso xa na súa mocidade polas leas nas que se metía. Casou con Marcelina Costa, coa que tivo seis fillos. A súa conciencia política foise formando nos seus sucesivos empregos como obreiro primeiro na Sionlla, preto de Santiago, e despois en Boal, Asturias. Tivo relación con Portafondón, que organizou unha sociedade agraria, e afiliouse a un sindicato da CNT cando traballaba na mina de Lousame. Participou nalgunha das actividades de resistencia contra o golpe franquista, na Coruña, no 1936, polo que tivo que botarse ao monte cando a Garda Civil foi por el. Foi un dos protagonistas dun sonado atraco na mina. Pero sempre conseguiu fuxir. Vivía entre o monte, a súa casa e as dos veciños que o acollían.
Mudaba constantemente de acubillo, e só saía cando non había perigo: de noite, sobre todo. Solicitáballes axuda económica aos máis ricos, e recibía tamén a dos menos acomodados. A cambio, axudábaos na casa ou facíalles regalos aos seus fillos. Foi máis admirado e temido.
DATOS
A familia de Curuxás foi acosada polos franquistas. Catro dos seus fillos exiliáronse en América, mentres a súa muller chegou a pedir esmola para facerlles crer ós gardas que o seu home tamén emigrara.
Curuxás formou parte da partida de guerrilleiros de Melide e A Ulla integrada na III Agrupación da Federación de Guerrillas Galicia-León, e despois na III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia.
Kaosenlared
La Librería de Cazarabet
c/ Plana Sancho, 17
44564 - Mas de las Matas (Teruel)
Tlfs. 978 849970 - 686 110069